miércoles, 17 de mayo de 2017

Celebración do Día das Letras Galegas

Con motivo do "Día das Letras Galegas" o pasado 16 de maio leváronse a cabo no colexio distintas actividades, entre elas cabe salientar: 

-O proxecto "O río das palabras". Este consistiu en que cada alumno de Infantil, de Primaria e da ESO, escribise nunha cartolina a súa palabra favorita e a decorase, de tal xeito que unhas catrocentas palabras en galego foron navegando polos corredores do noso centro.

-A posta en común da obra de Carlos Casares, autor ao que se lle adicou este ano o "Día das Letras Galegas".

-O proxecto "Coñece a nosa cultura". Con este proxecto se pretendía que os nosos alumnos coñecesen un pouco máis cales eran os traxes tradicionais galegos e para iso un grupo de alumnos foron polas aulas dos distintos ciclos vestidos con diferentes tipos de traxes e explicando aos demais as partes dos nosos traxes rexionais, os seus complementos, que tipo de teas se empregaban e en que ocasións se utilizaba cada traxe.

-O acto conmemorativo deste día tan especial. Durante esta celebración proxectouse un Power Point coa  vida e obra de "Carlos Casares", léronse varios textos poéticos, visionamos un vídeo que reflictía a nosa responsabilidade na conservación do galego, varias alumnas tocaron a pandeireta, escoitamos unha fermosísima canción de Carlos Núñez e rematamos cantando o himno galego.







domingo, 26 de marzo de 2017

PROXECTO 2ª AVALIACIÓN

INFORMAMOS EN GALEGO

Durante este trimestre os alumnos de 3º ESO, para celebrar a semana da prensa, realizaron un proxecto que consistiu en crear un telexornal. Nel debían aparecer noticias relacionadas coa sociedade, a economía, a política, a cultura, o deporte e o tempo; todas elas de ámbito local ou rexional.
Durante tres clases buscaron nos xornais, tanto en papel, como en prensa dixital, toda a información necesaria; para logo plasmala nunha representación oral.
O resultado foi moi bo, posto que todos se puxeron na pel dun xornalista, o cal ten que investigar, redactar e no caso dos presentadores, comunicar de maneira oral todas aquelas novas que son de interese para o público.












domingo, 12 de marzo de 2017

ROTEIRO CASTELAO

Este venres os alumnos de 4º ESO puideron gozar do "Roteiro Castelao", unha actividade promovida polo Concello de Pontevedra. Dita actividade consistiu nun itinerario que abrangueu non só parte da zona antiga de Pontevedra, senón tamén algunhas das rúas que configuran esta cidade. 
Levouse a cabo un percorrido pola etapa vital do autor rianxeiro, na que estivo intimamente vinculado a Pontevedra. Ademais incluíu a visita á Sala Castelao do Museo de Pontevedra, onde puideron contemplar non só parte da súa produción literaria, senón tamén os seus debuxos e pinturas, así como algúns obxectos persoais deste autor.
O percorrido comezou na praza da Ferrería, continuou pola rúa Pasantería, praza da Leña, rúa Sarmiento, rúa Arcos de San Bartolomeu, Museo de Pontevedra, rúa e praza da Pedreira, rúa César Boente, praza de Méndez Núñez, Rúa Real, rúa Sabela II, praza das Cinco Rúas, rúa Princesa, rúa Duque de Tetúan, rúa Dona Tareixa e rematou na praza de Santa María, onde hai unha estatua adicada a Castelao.
Os nosos alumnos non só coñeceron de maneira máis exhaustiva a vida e obra de Castelao, senón tamén a historia das rúas, das prazas e de moitos dos edificios desta fermosa cidade, chea de curiosidades.

martes, 21 de febrero de 2017

PROXECTO-4º ESO

VIAXAMOS POR GALICIA


Durante estre trimestre os alumnos de 4º ESO, traballaron na elaboración dun folleto turístico de maneira cooperativa.
Tiveron que buscar información sobre que edificios históricos, museos, prazas, barrios, parques, etc, se poderían visitar,  que rutas facer, que medios de transporte utilizar, que se podería comer e onde, cales son as festas típicas e a onde te poderías dirixir para obter información se quisexes realizar unha viaxe a algunha das nosas cidades e illas máis importantes (Santiago de Compostela, A Coruña, Pontevedra, Vigo, A Garda, Tui, Lugo, Ourense, As Illas Ons, As illas Cíes, Sálvora e Cortegada).
O traballo resultante foi espectacular, pois ademais de aprender, gozaron no deseño de seu folleto turístico.


CHARLA DE LEDICIA COSTAS

GOZANDO COA LITERATURA

A escritora Ledicia Costas visitou onte o noso colexio para falarlles aos alumnos de 2º e 3º ESO dos libros: "O corazón de Xúpiter" e "Unha estrela no vento".
Nacida en Vigo e avogada de profesión, a súa paixón é dende moi pequena a literatura. Forma parte de distintas asociacións e publicacións do sector e colabora en numerosas obras colectivas, así como no proceso creativo de varios documentais.
Ademais das obras das que nos veu falar, é autora doutras como: "Recinto Gris", "Un animal chamado néboa", "Escarlatina, a cociñeira defunta" e "Esmeraldina, a pequena defunta".
Entre os premios logrados pola súa obra literaria destacan: O "Premio Merlín de Literatura Infantil" e o "Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil".
A súa charla comezou cun vídeo, onde se reflictía a dor que sufriu unha rapaza por causa das novas tecnoloxías e explicaba as consecuencias que o seu mal uso pode provocar. A continuación, falou das claves dos seus libros e contestou ás preguntas formuladas polos alumnos. Finalmente, firmou os exemplares de "O Corazón de Xúpiter" e de "Unha estrela no vento".



miércoles, 15 de febrero de 2017

EXPOSICIÓNS DOS PROXECTOS DO 1º TRIMESTRE

Durante este 2º trimestre estase a levar a cabo unha exposición dos traballos realizados por proxectos desde outubro a decembro.

COÑECENDO A LITERATURA POPULAR EN VERSO (PROXECTO DE 3º ESO)





COÑECENDO A LITERATURA POPULAR EN PROSA (PROXECTO DE 4º ESO)








jueves, 15 de diciembre de 2016

PROXECTOS 3º E 4º ESO DO 1º TRIMESTRE

COÑECENDO A LITERATURA POPULAR GALEGA


Durante este trimestre os nosos alumnos de 3º e 4º ESO, estiveron traballando a literatura popular de maneira cooperativa. Primeiro, fixeron unha investigación sobre que era e que tipos de literatura popular existe. Despois, recompilaron toda a información necesaria para levar a cabo o proxecto deste trimestre.
Os alumnos de 3º ESO centráronse na literatura popular en verso, recollendo mostras de refráns, trabalinguas e adiviñas propias da nosa lingua e elaborando un traballo amplo sobre este fantástico tema.
Mentres que os alumnos de 4º ESO realizaron o seu proxecto baseado na literatura popular en prosa, centrándose sobre todo nas lendas e seres mitolóxicos galegos.