viernes, 7 de noviembre de 2014

TRABALLO COOPERATIVO-3º ESO (LINGUA GALEGA)

A LITERATURA POPULAR

Unha das grandes xoias da nosa literatura é a "Literatura Popular", que nos foi transmitida de xeración en xeración de forma oral desde que somos uns cativos. 
Pois ben, durante estas semanas estivemos traballando esta fonte de sabedoría cos alumnos de 3º ESO, utilizando o traballo cooperativo e máis concretamente mediante a rutina de K.W.L. Os rapaces organizáronse en grupos de tres e catro, para contestar a tres preguntas: "que sei sobre a literatura popular?, que quero saber? e que aprendín sobre ela?" Despois de contestar a estas cuestións, utilizando a estratexia do folio dobrado, expuxeron en voz alta as súas respostas de tal maneira que comprobaron como moitos dos seus coñecementos previos sobre este tipo de literatura e as súas inquedanzas eran compartidas por case todos.
A continuación, escribiron no encerado toda a información obtida e realizaron un esquema no que recolleron: a orixe, as características, os xéneros cultivados en prosa e en verso, e os autores e obras máis representativos da literatura popular.
Finalmente, leron, escoitaron e comentaron contos, lendas, refráns, adiviñas, trabalinguas, romances, cantigas e ata unha regueifa.


jueves, 6 de noviembre de 2014

TRABALLO COOPERATIVO - 2º ESO A, 4º ESO A e B

VEXO, PENSO, PREGÚNTOME

Os alumnos de 2º ESO A e 4º ESO A e B traballaron esta semana en lingua galega de maneira cooperativa a rutina de: "Vexo, penso, pregúntome". Para isto, tiveron que organizarse en grupos de tres e catro, no que cada un tiña unha responsabilidade a nivel escrito e a nivel oral. Despois de observar un cadro de Munch titulado "O berro" (El grito) no caso dos alumnos de 2º ESO A e "Atardecer no paseo Karl Johann" no caso de 4º ESO A e B, tiveron un tempo determinado para plasmar por escrito que era o que vían no cadro, logo que lles suxería e por último, que preguntas lles viñan á mente despois de ver esa obra pictótica. A continuación, cada membro do grupo foi expondo en voz alta todo aquilo que tiñan apuntado no folio e do que previamente falaran.
A actividade resultou todo un éxito, posto que se trataba de que non só practicasen a lingua oral e escrita, senón que utilizasen o razoamento, practicasen o silencio, a escoita e o respecto cara ás opinións dos demais.

FOTOS DE 2º ESO A










FOTOS DE 4º ESO A e B















SAÍDA AO TEATRO - 2º ESO

Hoxe os alumnos de 2º  ESO asistiron á representación teatral da obra "Impreuna" da compañía "Pista Catro", que tivo lugar no Pazo da Cultura.
O espectáculo está ambientado na época actual e está mergullado integramente nos códigos artístiscos do circo (malabares, aéreos, acrobacias e clown), todo isto sen renunciar á fusión con outras artes vivas como a danza, o teatro físico e a comedia.
Impreuna descobre ao espectador a vida interna do circo a través das vivencias dun grupo de sete artistas.
É tamén unha viaxe polo mundo das relacións humanas e un percorrido por valores como a amizade, a familia, o traballo en comunidade, a solidariedade, a cooperación, a diversidade e mesmo o humor, intrínsecos todos eles ao mundo do circo. O espectáculo está cargado de optimismo baseado na unión entre persoas para responder aos conflitos que envolven ao ser humano.
En definitiva, unha proposta fresca, bonita, trepidante, moi plástica e orixinal, grazas á cal tanto os profesores como os alumnos que asistimos a ela gozamos moito.








jueves, 23 de octubre de 2014

SAÍDA AO TEATRO (3 ESO)

Hoxe os alumnos de 3º ESO do noso colexio tiveron a grande sorte de poder asistir á representación teatral dunha das grandes obras de Shakespeare, "A tempestade", levada ao escenario pola "Compañía Voadora".
"A tempestade" trata temas como a traizón, a vinganza e o amor; todos eles recorrentes nas obras de Shakespeare.
Esta obra deixou moi sorprendidos a todos os espectadores, posto que nela estivo moi presente a música e a danza, unha fabulosa combinación que neste caso tivo un tremendo éxito. 
Ademais, nela produciuse a fusión das nosas linguas: galego e castelán.
En definitiva, asistir a esta representación foi todo un pracer; posto que ademais de pasalo ben, os alumnos puideron vivir a marabillosa experiencia de coñecer algo máis sobre un dos máis notables escritores de toda a historia da literatura.




miércoles, 21 de mayo de 2014

DÍA DAS LETRAS GALEGAS

O 16 de maio celebramos no colexio o "Día das Letras Galegas". Este ano adicóuselle a Xosé María Díaz Castro, un escritor nado en Guitiriz, de familia labrega e moi vinculada ás "Irmandades de Fala", grazas ao seu pai.


É autor dun único libro de poemas Nimbos, dentro do cal destaca o seu poema "Penélope". Nesta obra amosa a súa preocupación por Galicia e polos problemas do ser humano: o amor, a vida, a morte, o paso do tempo; así como a relixiosidade.

A razón pola que a Real Academia Galega lle adicou este día tan especial para os galegos, foi ter entregado a súa vida á investigación, ao ensino, á tradución e á defensa e uso que fixo do noso idioma.

Para celebralo fixemos un acto no que se leu un manifesto, recitáronse varios poemas de escritores ilustres como Rosalía de Castro, Castelao,... e por suposto de Xosé María Díaz Castro; vimos un vídeo onde a cultura celta estaba presente; expúxose un Power Point coa vida e obra de Xosé María Díaz Castro e rematamos cantando, como non podía ser doutro xeito, o "Himno Galego".

Ademais os alumnos de 1º e 2º ESO realizaron unha serie de traballos sobre a vida e obra deste autor, algúns dos cales foron expostos nos corredores do colexio.

 


 


 


 



 


 

 

CONFERENCIA ANDREA MACEIRAS

CONFERENCIA  DE ANDREA MACEIRAS

A semana pasada tivemos o grande privilexio de que a escritora Andrea Maceiras visitara o noso centro. Andrea Maceiras é unha escritora moi nova, nacida na Coruña, que estudou Filoloxía Hispánica e Galega e que realizou a tese doutoral na Universidade da Coruña, onde hoxe en día está traballando.
Autora de libros destinados a un público fundamentalmente xuvenil, logrou varios premios literarios entre os que destacan: o "I Certame de Micronovela do Concello de Soutomaior" coa súa primeira novela "Proxecto Bolboreta" e o "IV Premio Meiga Moura" co seu libro "Violeta Tamurana".
Nesta ocasión Andrea conseguiu engaiolar os nosos alumnos falándolles dos dous libros que lemos durante este trimestre: "Violeta Tamurana" en 3º de ESO e "Nubes de evolución" en 4º de ESO. Nestes libros Andrea trata temas como: o amor, a amizade, a maxia, o racismo, o medio ambiente, a valentía e o valor do coñecemento.
Despois da súa exposición oral e gráfica destes libros, os nosos alumnos fixéronlle unha serie de preguntas, para finalmente ter a sorte de que esta marabillosa escritora lles asinase os seus libros.



sábado, 29 de marzo de 2014

PROXECTO LECTOR 4º ESO B - 6º A INFANTIL


Onte os rapaces de 6º A de Infantil pasárono xenial coa representación dun conto, "A cebra Camila", en lingua galega, levada a cabo por nove alumnos de 4º ESO B. 

Segundo estes últimos, todos estaban moi atentos e gozaron tremendamente con este marabilloso conto, onde unha cebra séntese moi apenada e un grupo de animais teñen que consolala outorgándolle diferentes obxectos. Trala representación, os actores recibiron como mostra de gratitude un gran aplauso. Pódese pedir algo máis?




PROXECTO LECTOR 2º ESO A - 6º B INFANTIL

O pasado xoves, 27 de marzo, un grupo de tres alumnos de 2º ESO A, continuaron coa actividade iniciada en lingua galega hai tres semanas entre este curso e 6º B de Infantil. Nun primeiro momento todo o grupo de 2º ESO A baixou á aula de 6º B de Infantil para ver como a profesora lles contaba contos aos seus alumnos; posteriormente varios alumnos de 2º ESO A decidiron ser eles, de maneira voluntaria, os que elixirían un conto, e despois de preparalo durante uns días, baixar á aula de Infantil para ser eles os contadores.

A experiencia resultou marabillosa tanto para eles como para os rapaces máis pequerrechos. Pero isto non acaba aquí, porque aínda hai un grupo numeroso de alumnos que quere participar nesta fantástica actividade.


sábado, 22 de marzo de 2014

CONCURSO NOVOS TALENTOS DE COCA-COLA

Un ano máis seis dos nosos alumnos de 2º ESO participaron no Concurso "Novos Talentos de Coca-Cola -  Relato Curto", na 54ª Edición do mesmo; pero este ano cunha novidade moi atractiva: a colaboración da "Real Academia Española" que celebra o seu III Centenario. Fixérono en lingua galega e para iso acodiron o día 21 de marzo ao Instituto Valle-Inclán. Unha vez alí, expuxéronlles o tema, tratábase dunha imaxe onde estaba presente unha fonte da que saía auga. Sobre isto "auga doce" tiveron que escribir un relato curto nun tempo máximo de dúas horas, onde a presentación, a ortografía e a imaxinación xogan un papel importantísimo para ser seleccionados a nivel nacional.

Desde aquí desexámoslles a todos moita sorte!