TRABALLO COOPERATIVO-3º ESO (LINGUA GALEGA)

A LITERATURA POPULAR

Unha das grandes xoias da nosa literatura é a "Literatura Popular", que nos foi transmitida de xeración en xeración de forma oral desde que somos uns cativos. 
Pois ben, durante estas semanas estivemos traballando esta fonte de sabedoría cos alumnos de 3º ESO, utilizando o traballo cooperativo e máis concretamente mediante a rutina de K.W.L. Os rapaces organizáronse en grupos de tres e catro, para contestar a tres preguntas: "que sei sobre a literatura popular?, que quero saber? e que aprendín sobre ela?" Despois de contestar a estas cuestións, utilizando a estratexia do folio dobrado, expuxeron en voz alta as súas respostas de tal maneira que comprobaron como moitos dos seus coñecementos previos sobre este tipo de literatura e as súas inquedanzas eran compartidas por case todos.
A continuación, escribiron no encerado toda a información obtida e realizaron un esquema no que recolleron: a orixe, as características, os xéneros cultivados en prosa e en verso, e os autores e obras máis representativos da literatura popular.
Finalmente, leron, escoitaron e comentaron contos, lendas, refráns, adiviñas, trabalinguas, romances, cantigas e ata unha regueifa.