sábado, 29 de marzo de 2014

PROXECTO LECTOR 4º ESO B - 6º A INFANTIL


Onte os rapaces de 6º A de Infantil pasárono xenial coa representación dun conto, "A cebra Camila", en lingua galega, levada a cabo por nove alumnos de 4º ESO B. 

Segundo estes últimos, todos estaban moi atentos e gozaron tremendamente con este marabilloso conto, onde unha cebra séntese moi apenada e un grupo de animais teñen que consolala outorgándolle diferentes obxectos. Trala representación, os actores recibiron como mostra de gratitude un gran aplauso. Pódese pedir algo máis?




PROXECTO LECTOR 2º ESO A - 6º B INFANTIL

O pasado xoves, 27 de marzo, un grupo de tres alumnos de 2º ESO A, continuaron coa actividade iniciada en lingua galega hai tres semanas entre este curso e 6º B de Infantil. Nun primeiro momento todo o grupo de 2º ESO A baixou á aula de 6º B de Infantil para ver como a profesora lles contaba contos aos seus alumnos; posteriormente varios alumnos de 2º ESO A decidiron ser eles, de maneira voluntaria, os que elixirían un conto, e despois de preparalo durante uns días, baixar á aula de Infantil para ser eles os contadores.

A experiencia resultou marabillosa tanto para eles como para os rapaces máis pequerrechos. Pero isto non acaba aquí, porque aínda hai un grupo numeroso de alumnos que quere participar nesta fantástica actividade.


sábado, 22 de marzo de 2014

CONCURSO NOVOS TALENTOS DE COCA-COLA

Un ano máis seis dos nosos alumnos de 2º ESO participaron no Concurso "Novos Talentos de Coca-Cola -  Relato Curto", na 54ª Edición do mesmo; pero este ano cunha novidade moi atractiva: a colaboración da "Real Academia Española" que celebra o seu III Centenario. Fixérono en lingua galega e para iso acodiron o día 21 de marzo ao Instituto Valle-Inclán. Unha vez alí, expuxéronlles o tema, tratábase dunha imaxe onde estaba presente unha fonte da que saía auga. Sobre isto "auga doce" tiveron que escribir un relato curto nun tempo máximo de dúas horas, onde a presentación, a ortografía e a imaxinación xogan un papel importantísimo para ser seleccionados a nivel nacional.

Desde aquí desexámoslles a todos moita sorte!


Proxector Lector 4º ESO A - 5º Primaria

Hoxe os alumnos de 4º ESO A asistiron á lectura de contos por parte dun profesor de 5º de Primaria. Durante  case unha hora puideron gozar da explicación por parte deste profesor sobre cales son as claves para ser bos contadores de contos e como xurdiron estes en Galicia. Ao mesmo tempo, compartiron un tempo con outros alumnos, neste caso máis pequenos ca eles.

Trala lectura por parte do profesor, agora terán que ser eles quen conten algún conto a estes rapaces. Xa temos varios voluntarios! Seguro que a experiencia será marabillosa.