viernes, 7 de noviembre de 2014

TRABALLO COOPERATIVO-3º ESO (LINGUA GALEGA)

A LITERATURA POPULAR

Unha das grandes xoias da nosa literatura é a "Literatura Popular", que nos foi transmitida de xeración en xeración de forma oral desde que somos uns cativos. 
Pois ben, durante estas semanas estivemos traballando esta fonte de sabedoría cos alumnos de 3º ESO, utilizando o traballo cooperativo e máis concretamente mediante a rutina de K.W.L. Os rapaces organizáronse en grupos de tres e catro, para contestar a tres preguntas: "que sei sobre a literatura popular?, que quero saber? e que aprendín sobre ela?" Despois de contestar a estas cuestións, utilizando a estratexia do folio dobrado, expuxeron en voz alta as súas respostas de tal maneira que comprobaron como moitos dos seus coñecementos previos sobre este tipo de literatura e as súas inquedanzas eran compartidas por case todos.
A continuación, escribiron no encerado toda a información obtida e realizaron un esquema no que recolleron: a orixe, as características, os xéneros cultivados en prosa e en verso, e os autores e obras máis representativos da literatura popular.
Finalmente, leron, escoitaron e comentaron contos, lendas, refráns, adiviñas, trabalinguas, romances, cantigas e ata unha regueifa.


jueves, 6 de noviembre de 2014

TRABALLO COOPERATIVO - 2º ESO A, 4º ESO A e B

VEXO, PENSO, PREGÚNTOME

Os alumnos de 2º ESO A e 4º ESO A e B traballaron esta semana en lingua galega de maneira cooperativa a rutina de: "Vexo, penso, pregúntome". Para isto, tiveron que organizarse en grupos de tres e catro, no que cada un tiña unha responsabilidade a nivel escrito e a nivel oral. Despois de observar un cadro de Munch titulado "O berro" (El grito) no caso dos alumnos de 2º ESO A e "Atardecer no paseo Karl Johann" no caso de 4º ESO A e B, tiveron un tempo determinado para plasmar por escrito que era o que vían no cadro, logo que lles suxería e por último, que preguntas lles viñan á mente despois de ver esa obra pictótica. A continuación, cada membro do grupo foi expondo en voz alta todo aquilo que tiñan apuntado no folio e do que previamente falaran.
A actividade resultou todo un éxito, posto que se trataba de que non só practicasen a lingua oral e escrita, senón que utilizasen o razoamento, practicasen o silencio, a escoita e o respecto cara ás opinións dos demais.

FOTOS DE 2º ESO A










FOTOS DE 4º ESO A e B















SAÍDA AO TEATRO - 2º ESO

Hoxe os alumnos de 2º  ESO asistiron á representación teatral da obra "Impreuna" da compañía "Pista Catro", que tivo lugar no Pazo da Cultura.
O espectáculo está ambientado na época actual e está mergullado integramente nos códigos artístiscos do circo (malabares, aéreos, acrobacias e clown), todo isto sen renunciar á fusión con outras artes vivas como a danza, o teatro físico e a comedia.
Impreuna descobre ao espectador a vida interna do circo a través das vivencias dun grupo de sete artistas.
É tamén unha viaxe polo mundo das relacións humanas e un percorrido por valores como a amizade, a familia, o traballo en comunidade, a solidariedade, a cooperación, a diversidade e mesmo o humor, intrínsecos todos eles ao mundo do circo. O espectáculo está cargado de optimismo baseado na unión entre persoas para responder aos conflitos que envolven ao ser humano.
En definitiva, unha proposta fresca, bonita, trepidante, moi plástica e orixinal, grazas á cal tanto os profesores como os alumnos que asistimos a ela gozamos moito.