domingo, 26 de marzo de 2017

PROXECTO 2ª AVALIACIÓN

INFORMAMOS EN GALEGO

Durante este trimestre os alumnos de 3º ESO, para celebrar a semana da prensa, realizaron un proxecto que consistiu en crear un telexornal. Nel debían aparecer noticias relacionadas coa sociedade, a economía, a política, a cultura, o deporte e o tempo; todas elas de ámbito local ou rexional.
Durante tres clases buscaron nos xornais, tanto en papel, como en prensa dixital, toda a información necesaria; para logo plasmala nunha representación oral.
O resultado foi moi bo, posto que todos se puxeron na pel dun xornalista, o cal ten que investigar, redactar e no caso dos presentadores, comunicar de maneira oral todas aquelas novas que son de interese para o público.












domingo, 12 de marzo de 2017

ROTEIRO CASTELAO

Este venres os alumnos de 4º ESO puideron gozar do "Roteiro Castelao", unha actividade promovida polo Concello de Pontevedra. Dita actividade consistiu nun itinerario que abrangueu non só parte da zona antiga de Pontevedra, senón tamén algunhas das rúas que configuran esta cidade. 
Levouse a cabo un percorrido pola etapa vital do autor rianxeiro, na que estivo intimamente vinculado a Pontevedra. Ademais incluíu a visita á Sala Castelao do Museo de Pontevedra, onde puideron contemplar non só parte da súa produción literaria, senón tamén os seus debuxos e pinturas, así como algúns obxectos persoais deste autor.
O percorrido comezou na praza da Ferrería, continuou pola rúa Pasantería, praza da Leña, rúa Sarmiento, rúa Arcos de San Bartolomeu, Museo de Pontevedra, rúa e praza da Pedreira, rúa César Boente, praza de Méndez Núñez, Rúa Real, rúa Sabela II, praza das Cinco Rúas, rúa Princesa, rúa Duque de Tetúan, rúa Dona Tareixa e rematou na praza de Santa María, onde hai unha estatua adicada a Castelao.
Os nosos alumnos non só coñeceron de maneira máis exhaustiva a vida e obra de Castelao, senón tamén a historia das rúas, das prazas e de moitos dos edificios desta fermosa cidade, chea de curiosidades.